Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

09/11/2026

 

Responsables da Vicerreitoría e do Campus Crea, así como de diferentes facultades inseridas no proxecto de especialización do campus, mantiveron este venres unha reunión de traballo con representantes da Facultade de Media Artes e Design (FMAD), dirixida a abordar posibles vías de colaboración e traballo conxunto con este centro da Universidade Técnica de Porto (UTP). O obxectivo deste encontro, salientou a vicerreitora do campus, Marián Fernández, é tratar de dar forma a unha “relación estable e continuada” coa FMAD e co seu Instituto de Investigación en Deseño, Media e Cultura (ID+). 

“Podemos ter intereses comúns moi substanciais”, salientou Fernández no inicio dunha reunión de traballo dirixida a establecer “relacións e vinculacións desde o punto de vista da docencia e da investigación”. Neste encontro participaron o director da FMAD, José Quinta Ferreira; o subdirector da facultade e director do instituto de investigación, Vítor Quelhas; e o subdirector do ID+ e director do Departamento de Multimédia desta institución, Horácio Marques; así como o director de área do Campus Crea, Alberto Dafonte, e representantes dos equipos decanais das facultades de Deseño, Comunicación e Belas Artes.

Un dos propósitos do encontro era que tanto os representantes da FMAD como das facultades adscritas ao Campus Crea expuxesen as súas liñas de investigación e traballo específicas nos ámbitos da creatividade, o deseño, as artes e a comunicación. Non en van, a antiga Escola de Media Artes e Design, constituída como facultade neste 2026 tras a transformación en universidade do antigo Instituto Politécnico do Porto, é un centro interdisciplinar cuxa formación e investigación abrangue campos como o audiovisual, a fotografía, o cinema, o deseño gráfico e multimedia ou as tecnoloxías web. 

“Este é un encontro importante para nós, porque queremos consolidar unha relación coa Universidade de Vigo”, salientou o director da FMAD, que apuntou que os resultados desta “aproximación que estamos a facer serán moi importantes para desenvolver proxectos futuros a varios niveis”. Neste punto, Quinta sinalou tanto a posibilidade de impulsar proxectos de investigación conxuntos como “posibles parcerías” no eido académico, en ámbitos como “programas de formación comúns ou a posibilidade de establecer incluso un programa de doutoramento”, engadiu Fernández.

Ler a noticia completa no  DUVI