Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Dirixidas a dar coñecer os múltiples ámbitos de aplicación de diferentes titulacións e disciplinas científicas, existen olimpíadas científicas de química, bioloxía, xeoloxía ou informática, nas que compiten estudantes de diferentes niveis educativos. Non obstante, ata o de agora non existía ningunha iniciativa deste tipo que tivese como eixe central a creatividade, o que levou o proxecto de especialización Campus Crea a impulsar a I Olimpíada da Creatividade, aberta á participación de alumnado de bacharelato de toda Galicia, así como de ciclos formativos de artes plásticas e deseño. Ata o 20 de xaneiro permanece aberta a inscrición para participar nunha competición que se desenvolverá en marzo ou abril de 2025 e na que poderán competir un máximo de 20 equipos integrados por catro estudantes.

“Igual que son coñecidas as de física, química ou matemáticas, non hai ningunha olimpíada da creatividade”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, dunha proposta que busca “potenciar a creatividade desde os ámbitos artístico, comunicativo e educativo, que engloban as principais titulacións do Campus Crea”. Nese senso, o obxectivo desta olimpíada “é dar a coñecer o campus de especialización á sociedade en xeral, pero sobre todo aos estudantes de bacharelato, que son os futuros universitarios e universitarias”, a través dunha iniciativa que permitirá que “coñezan o campus e poidan entrar en contacto con docentes e estudantes das titulacións nas que poidan estar máis interesados”.