Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Reunir múltiples visións do que a creatividade supón e significa. Ese era o propósito de concurso de fotografía en liña impulsado polo Campus Crea no marco da programación da Semana da Creatividade e da Innovación. Aberto á participación de toda a cidadanía, este certame buscaba reunir en Instagram un conxunto de imaxes que permitisen reflectir a idea de creatividade no seu sentido máis amplo. Das diferentes fotografías publicadas nesta rede social co cancelo #creaUVigo2023 polos inscritos e inscritas neste certame, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a unha imaxe que ten na natureza a súa principal protagonista e que foi realizada por Zeltia Patiño, estudante do Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. Dúas alumnas deste mesmo mestrado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Nerea Fernández e Cristina Pérez, foron así mesmo recoñecidas co segundo e terceiro premio. 

Resultado un paseo polo monte “nun día no que se deixaba ver un pouco o sol despois dunha mañá chuviosa”, Patiño Diéguez concorreu a este certame cunha imaxe na que buscou “reflectir a creatividade coa sinfonía de cores que compoñen” unha composición que, recoñece, podería ter titulado “a calma do monte”. A súa fotografía foi recoñecida cun primeiro premio, dotado cun vale de 200 euros para gastar en material formativo e educativo no comercio local. Trátase, engade, do primeiro galardón que obtén por unha fotografía, tras ter sido premiada en dúas ocasións polos seus debuxos. De feito, esta graduada en Educación Primaria admite ter recibido con sorpresa este galardón e recoñece que ter cursado no mestrado dúas materias relacionadas coa arte, “axudoume a plasmar o que se pedía”.

Ler a nova completa no DUVI