Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Universidade de Vigo estreou 2024 lanzando a súa nova canle de TikTok, UVigoShow, que lonxe dunha finalidade informativa, ten un carácter eminentemente de entretemento e diversión. Coincidindo coa posta en marcha desta iniciativa, o Campus Crea decidiu centrar por primeira vez neste rede social o concurso que cada ano promove no marco das actividades da Semana da Creatividade. Dirixido á comunidade universitaria, este certame convida a responder “de maneira divertida e dinámica” á pregunta de “que é a creatividade para ti?” a través de vídeos de non máis de 60 segundos. “Cremos que pode ser unha forma interesante de chegar a máis público”, sinala Ana Belén Fernández Souto, directora de Área do Campus de Especialización Crea respecto dun concurso promovido coa colaboración da Deputación de Pontevedra e no que se outorgará un primeiro premio de 250 euros, xunto con dous accésit de 150 euros. 

“O concurso enmárcase dentro da Semana da Creatividade e pretende tamén dar visibilidade ao proxecto do campus de especialización”, engade Fernández Souto do certame que Vicerreitoría e Campus Crea impulsan neste 2024 por primeira vez, tras promover previamente concursos de fotografía en Instagram. Desde este venres e ata o 15 de abril permanece aberta a inscrición neste certame, no que as e os participantes deberán subir os vídeos as súas contas de TikTok, incluíndo na descrición o texto @uvigoshow, así como o cancelo #ConcursoCampusCREA.

Ler a nova completa no DUVI