Artista téxtil, deseñadora e investigadora, Arantza Vilas ten colaborado ao longo da súa traxectoria no deseño de vestiario de producións audiovisuais como os filmes A pantasma da ópera, María, raíña de Escocia ou a serie Xogo de Tronos, ao tempo que levou a súa obra a galerías e museos de diferentes países. Profesora asociada no Central Saint Martins da Universidade das Artes de Londres, Vilas será a responsable dunha das conferencias do III Congreso Internacional de Creatividade, que se desenvolverá os días 8 e 9 de outubro en Pontevedra. Previamente, será tamén a encargada de impartir o obradoiro A impresión 3D e os tecidos, unha aproximación, unha iniciativa formativa promovida polo Campus Crea, que terá lugar os días 6 e 7 de outubro no CREA Lab da Vicerreitoría do campus.
A abordaxe dos tipos de tecnoloxías que, no eido da impresión 3D, poden levarse ao mundo dos tecidos, a utilización do lapis 3D sobre papel, acetato ou cristal e a experimentación sobre tecidos serán algúns dos eixes deste taller de 12 horas, dirixido ás e aos integrantes da comunidade universitaria. Cunha duración de 14 horas e con inscrición gratuíta, trátase dun obradoiro con 12 prazas, que este mércores abría a súa inscrición na plataforma Campus Activo.
Como sinalan desde a organización, a obra de Arantza Vilas abrangue múltiples disciplinas, pon énfase especial nos procesos e baséase na investigación sobre os materiais, destacando o seu interese pola artesanía tradicional e por ferramentas e métodos innovadoras e sostibles, “que poidan achegar novas ideas, contribuír á innovación nas narrativas e suscitar a reflexión”.
Ler a noticia completa no DUVI