Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Co obxectivo de pór en valor o fío condutor do seu proxecto de especialización, o campus conmemorará a finais de abril a Semana da Creatividade cun conxunto de actividades nas que insiren dúas propostas que, desde diferentes perspectivas, poñen o foco no que supón a idea de creatividade. No marco dunha programación que se presentará nas próximas semanas, o Campus Crea impulsa o obradoiro O cuarto azul, no que a actriz Helen Bertels levará ás persoas participantes a descubrir a súa “forza creativa innata”, explica, a través dun conxunto de actividades. Con sesións virtuais e presenciais, trátase dun curso aberto a toda a cidadanía, que cubrirá as súas 15 prazas por orde de inscrición, a cal pode realizarse desde esta xornada a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Así mesmo, tamén desde este venres é posible participar no concurso de fotografía en liña do Campus Crea, no que se premiará ás tres fotografías que mellor reflictan esa idea de creatividade e que sexan publicadas entre esta xornada e o 22 de abril na rede social Instagram.

“No obradoiro de creatividade O cuarto azul pretendemos descubrir a nosa forza creativa innata, que pon luz no noso saber e nos impulsa á acción”, sinala a actriz, artista e escritora Helen Bertels no texto de presentación do taller que impartirá no campus nas próximas semanas. A través de sesións de traballo individual que se desenvolverán de xeito virtual, e outras de traballo en grupo, que terán lugar na Facultade de Fisioterapia, este obradoiro busca amosar as e os participantes que “todos somos creativos a diario en cada momento das nosas vidas”, promovendo unha reflexión sobre como as persoas restrinxen a súa propia creatividade a través da atención, a meditación e a arte, traballando con disciplinas como o colaxe. “Haberá moitas tarefas entretidas coas que experimentar e descubrirse”, engade o texto de presentación dun obradoiro no que se proporán actividades como paseos pola natureza, a realización de fotografías ou o uso dunha liberta para anotar ideas.

Ler a nova completa no DUVI