Ata este venres 25, diferentes facultades e escolas do campus de Pontevedra e outros espazos da cidade acollen as conferencias, obradoiros, mesas de debate e actividades culturais que conforman o programa da Semana CREA, que neste 2025 ten como eixe temático a sostibilidade. A sede da Vicerreitoría acolleu este martes o acto inaugural desta Semana da Creatividade, que ten como obxectivo dar visibilidade ao proxecto de especialización do campus pontevedrés, a través dun conxunto de actividades abertas á cidadanía. Promovida polo Campus Crea, co patrocinio da Deputación de Pontevedra, esta programación incorpora por primeira vez un eixe temático, co obxectivo tanto de “proxectar todo aquilo no que estamos traballando no campus de especialización”, como de “xerar pensamento e reflexión sobre a sostibilidade”, salientou Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus Crea.
A programación que cada ano se desenvolve coincidindo co Día Internacional da Creatividade e da Innovación constitúe un “punto estratéxico” á hora de dar “unha maior visibilidade ao campus de especialización”, engadiu a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, neste acto inaugural. “Un dos eixes estratéxicos deste traballo é conseguir que o Campus Crea se consolide, de forma que poidamos acabar a acreditación”, como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia, subliñou a vicerreitora. Neste punto, Lantarón destacou a “singularidade” dun campus, con varias titulacións “de carácter creativo, únicas en Galicia” e que, sumadas á propia actividade cultural de Pontevedra, fan desta “unha das cidades máis importantes a nivel internacional” no eido da creatividade.