As transformacións que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a xerar nos ámbitos da arte, a comunicación, o deseño e a educación constitúen o eixe temático do III Congreso Internacional de Creatividade, que este xoves e venres se desenvolve na sede da Vicerreitoría. Promovido polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, este evento botou a andar na mañá deste xoves pondo de relevo o papel da creatividade para atopar respostas en “tempos de transformacións profundas”, como sinalaron desde o comité organizador, así como a importancia deste encontro científico á hora de acadar a acreditación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra. No seu programa, combínase a presentación de 46 comunicacións por parte de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Guatemala e Colombia, cunha serie de conferencias e mesas redondas. Entre elas, o relatorio inaugural que a artista Alicia Framis centrou nas orixes e no desenvolvemento dun proxecto que levouna a converterse na primeira muller en casar cunha intelixencia artificial.
Con máis de 70 inscritos e inscritas, a inauguración do congreso correu a cargo de Marián Fernández, vicerreitora do campus de Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; e Sara Domínguez Lloria, codirectora desta edición xunto coa catedrática Margarita Pino. “Para o Campus Crea, este congreso é un dos piares estruturais para poder acadar a acreditación do campus de especialización”, salientou Fernández Villarino, que lembrou que este proxecto ten por diante “un reto importante”, o de tratar de obter en 2028 o recoñecemento como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia por parte da Xunta. No camiño cara esa “meta”, apuntou, son “determinantes” accións como un congreso que “implica investigación, docencia e transferencia de coñecemento” e que contribúe ao obxectivo de converter o Campus Crea “nun ecosistema de innovación e creatividade”. Neste punto, a vicerreitora puxo de relevo o “salto cualitativo e cuantitativo” que este proxecto pode supor para o campus de Pontevedra, do que destacou a “exclusividade e particularidade” dos estudos que nel se imparten.
Ler a noticia completa no DUVI