No marco dos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea, constituíronse dous comités consultivos que teñen como obxectivo prestar asesoramento no proceso de elaboración do plan estratéxico do proxecto de especialización e dos que forman parte tanto expertos e expertas de universidades de diferentes países, como representantes de institucións, entidades e colectivos profesionais. Combinando a asistencia presencial e virtual, estes órganos reuníronse este venres na Facultade de Comunicación, na que foi a primeira xuntanza tras a súa “reformulación en función dos novos obxectivos estratéxicos do Campus Crea, cun novo foco máis centrado nas titulacións que teñen unha relación máis directa coa creatividade”, como explica Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea.
O proceso acometido para a “reformulación do plan estratéxico”, pondo o foco nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a arte e a educación, foi unha das cuestións abordadas nas reunións destes comités consultivos académico e socio-empresarial, así como do Consello Reitor. “Temos moita ilusión pola acreditación do Campus Crea, na que se leva traballando moito tempo e que pode supor unha mobilización importante de financiamento e de actividades, que van redundar en beneficio de todo o campus”, salientou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que presidiu estas tres xuntanzas. Nelas abordouse “o traballo que se fixo durante este ano” para a reformulación do plan estratéxico, xa que “na memoria que hai que facer constar que graos, mestrados e doutoramentos forman parte intrínseca do proxecto de especialización”, apuntou o reitor. Nas reunións abordouse tamén a normativa sobre os campus de especialización aprobada recentemente pola Xunta de Galicia, así como os traballos de preparación da documentación necesaria para que o proxecto poida someterse á avaliación da administración autonómica. Nese senso, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, destacou “que estamos traballando ao cen por cen para ter todo o máis adiantado posible”, co obxectivo de contar cunha “memoria competitiva”, como subliñou o reitor, no momento no que se abra o prazo para presentar a solicitude de acreditación.