Máis de 550 alumnas e alumnos das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés festexarán nas próximas semanas o final da súa etapa como universitarias e universitarios, que iniciaban poucos meses antes de que a pandemia da covid-19 obrigase ao confinamento e á conversión temporal da docencia en virtual. De aí que a súa capacidade de adaptación sexa unha das cuestións que se porá en valor nas diferentes graduacións que se desenvolverán no campus entre este venres e finais de xuño.
A primeira graduación no campus terá lugar na tarde deste venres, cando a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte despida aos e ás 233 integrantes das décimo primeiras promocións dos seus tres graos. Farao en tres actos consecutivos, que terán lugar no salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública e nos que actuará o Coro do Campus. En primeiro termo, recibirán as súas bandas e diplomas as 78 novas tituladas e titulados en Educación Infantil, que terán como padriño ao profesor Rubén Domínguez, e a continuación farano os 85 novos graduados e graduadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con Marián Fernández Villarino e Ezequiel Rey como madriña e padriño académicos. Os últimos en subir ao escenario serán os 70 novos titulados e tituladas en Educación Primaria, que escolleron á profesora Alicia González como madriña e ao PAS Francisco Pena como padriño. As intervencións da vicerreitora Eva María Lantarón; o decano, Óscar García, e o deputado provincial Gorka Gómez sumaranse nestes tres actos as verbas de María González, Aldara Pérez, Helena Pardo e Pablo Saldaña en representación dunhas promocións que, como lembra a vicedecana Eulalia Agrelo, “caracterízanse pola súa resiliencia”, xa que viviron “todas as fases da pandemia: desde o peche total e o reinicio das aulas polo Campus Remoto ata chegar á presencialidade plena”.