Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Definido pola Real Academia Galega (RAG), da que foi presidente entre 1997 e 2001, como “un dos fundadores do galeguismo progresista”, Francisco Fernández del Riego desenvolveu un extenso labor intelectual, cultural e político nunha Galicia marcada pola ditadura franquista. A traxectoria no “exilio interior” do escritor homenaxeado neste 2023 no Día das Letras Galegas centrou na tarde deste mércores o acto conmemorativo promovido pola Vicerreitoría do campus, no que o tamén expresidente da RAG Xesús Alonso Montero afondou no labor político e literario do que fora un dos impulsores da editorial Galaxia e director da revista Grial. Ademais de para rememorar a súa figura, este evento serviu tamén para coñecer as creacións premiadas na terceira edición do certame Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas, no que se convidaba ao alumnado a reinterpretar a obra de escritor homenaxeado e dar forma a creacións en múltiples disciplinas que tivesen como inspiración a súa traxectoria e produción literaria.

Dúas alumnas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Macarena Gisellle Volluz e Laura Chaves, resultaron gañadoras dos dous premios, cunha dotación económica de 300 e 250 euros, outorgados nesta edición e que foron entregados no marco deste acto, que abriron as intervencións do reitor, Manuel Reigosa, e da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Tras unha apertura na que se puxo o foco en que contribuír á preservación e promoción da lingua e da cultura galega é unha das misións fundamentais da Universidade, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña foi a encargada de presentar a Alonso Montero. Catedrático de Literatura Galega, membro da RAG e do Consello da Cultura Galega, o compromiso coa defensa do idioma de Alonso Montero e do propio Fernández del Riego foi outra das cuestións postas sobre a mesa nun acto que afondou no labor desenvolvido durante a ditadura por Fernández del Riego, quen en 1992 convertirase no primeiro doutor honoris causa na historia da Universidade de Vigo. 

Ler a nova completa no DUVI