Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 

A profesora do Departamento de Debuxo Carmen Hermo converteuse este luns na nova decana de Belas Artes, despois de que a súa candidatura, a única presentada no proceso electoral aberto no centro, recibise o apoio da Xunta de Facultade, con 26 votos a favor, un en contra e cinco abstencións. Hermo Lage situarase os próximos seis anos á fronte dun “equipo novo e, sobre todo, ilusionante”, que completan as e os docentes Carmen Lage, como videcana académica; Basilisa Fiestras, como vicedecana de Cultura e Estudantado; José Andres Santiago, como vicedecano de Internacional; e Marcos Covelo, como secretario académico.

Despois dunha Xunta de Facultade que combinou o seguimento presencial e virtual, Hermo sinalaba afrontar “con ilusión” a súa nova etapa á fronte da facultade, ao tempo que puña en valor o apoio recibido pola súa candidatura, xa que “o que necesitamos agora é traballo”, tanto no propio equipo decanal como á hora de integrar as diferentes comisións. A votación na que participaron 32 dos 38 membros da Xunta de Facultade converteu a artista e docente, profesora da facultade desde o curso 2017-2018, na segunda decana na historia de Belas Artes, tomando o relevo de Xosé Manuel Buxán, que se atopaba á fronte do Decanato desde 2019.

Na súa comparecencia, Hermo presentou un texto elaborado conxuntamente polo novo equipo decanal, que situaba os termos de "convivencia, cooperación, bidireccionalidade, asesoramento e modelo" como eixes do proxecto que prevén desenvolver ao longo dos próximos seis anos. “Non propoñemos grandes revolucións, pero si que son necesarios algúns cambios, cambios e propostas que atenderemos con interese e cariño”, salientou a nova decana, quen formou parte o último ano do equipo de Buxán como secretaria académica. 

Ler a noticia completa no DUVI