Dous investigadores predoutorais da Facultade de Belas Artes, Carlos Fer e Andrea Davila, son os gañadores do Certame de Residencias Artísticas Novos Valores do Museo de Pontevedra, o que permitiralles desenvolver os seus proxectos artísticos nas estadías que levarán a cabo na Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero de Madrid. Investigadora do grupo Prace, Davila centrará o seu proxecto na interrelación do corpo humano coa contorna, mentres que Carlos Fer, integrante do grupo dx5, buscar afondar na idea da “antipintura”. As obras xurdidas destas residencias exhibiranse este verán no marco da programación da 32ª edición da Bienal de Pontevedra.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, presentaron este venres o resultado desta convocatoria, resultado da “nova orientación” do certame Novos Valores, que pasa de premiar unha obra a outorgar a oportunidade aos dous artistas que “presentaron o mellor proxecto” de participar nunhas residencias que suporán “unha experiencia vital e artística fundamental”, á vez que sitúanos “na vangarda europea da arte”, salientou Domínguez. O acto contou coa participación por videoconferencia de Luisa Espino, responsable de Matadero, un espazo “dedicado exclusivamente a residencias artísticas” de múltiples disciplinas dependente do Ayuntamiento de Madrid, e de María Inés Rodríguez, directora da Fundación Nicole & Walter Leblanc, que leva a cabo un programa de residencias para que novas e novos artistas acheguen outras miradas ao legado de Walter Leblanc a partir do seu traballo cos arquivos deste artista cinético e conceptual.