Un retrato dunha rapaza que porta un pano en un mantón de Manila, realizado a finais do século XIX polo pintor cántabro Casimiro Sainz, constitúe o punto de partida da exposición que reúne unha trintena de obras da artista e profesora da Facultade de Belas Artes Chelo Matesanz, no Museo de Arte Moderno y Contemporáneo de Santander e Cantabria. Baixo o nome de Una chula, título da obra de Sainz, a docente do Departamento de Pintura propón un diálogo entre tradición e contemporaneidade nesta exposición individual, que se completará á súa vez cunha publicación que profundará tanto neste proxecto expositivo como na traxectoria e proceso creativo da artista e investigadora do grupo Prace.
Na mostra que ata o 11 de outubro pode visitarse no museo cántabro, Matesanz presenta preto dunha trintena de obras de recente creación, coa excepción de Fermosura del Norte, unha peza de 2006 que actúa como referencia dentro do conxunto expositivo. “Hai obras de creación recente, feitas precisamente para este proxecto, e outras elixidas en función da narración e o tema suxerido pola obra de Casimiro Sainz”, salienta Matesanz.
Nunha mostra comisariada por Marta Mantecón, este conxunto de pezas preséntase acompañadas pola pintura deste artista orixinario de Reinosa, ao igual que a propia Matesanz. Trátase, lembra a docente e investigadora, dun “retrato de perfil dunha rapaza nova vestida con elegancia”, que suxire “infinidade de cousas”, desde serenidade ou equilibrio, ata beleza, ornamento ou identidade. “A ‘chula’ aparece como símbolo da alma popular”, engade Matesanz, que lembra que Casimiro Sainz “sempre mostrou interese polas personaxes humildes e cotiáns” e que as súas pinturas de “mulleres lavando, anciáns ou campesiñas” mantiñan sempre “o mesmo espírito realista”, que as reflectía como “figuras dignas, traballadoras e auténticas, representadas con respecto e afecto”.
Ler a noticia completa no DUVI