Cinco estudantes da Facultade de Belas Artes presentarán as curtametraxes que desenvolveron como traballos académicos na 16 edición do festival internacional (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña. Por quinto ano consecutivo, o alumnado da facultade pontevedresa será un dos protagonistas da sección Paraíso, que cada ano reúne unha escolma de traballos de estudantes de diferentes universidades, co propósito de servirlles como un “espazo iniciático para internarse no contexto do cinema”, sinalan desde o festival. Coa cineasta e profesora da facultade Xisela Franco como comisaria, a sesión dedicada ao estudantado da UVigo terá lugar o venres 6 de xuño ás 11.00 horas, na Filmoteca de Galicia, e presentará, baixo o título de Reparar a dor, as creacións de Sara Ricoy, Iván X. Esmorís, Irene Santamaría, Rocío Campoy e Gema Rodríguez.
Impulsada hai cinco anos co obxectivo de pór o foco no “enfoque interdisciplinar e libre” co que o alumnado de Belas Artes se achega á creación cinematográfica, Paraíso contou co estudantado da Universidade de Vigo nas súas cinco edicións. De feito, algunhas das alumnas seleccionadas en anos anteriores foron posteriormente escollidas para as seccións profesionais do festival. Ese é o caso de Cristina Souto e Marta Lara, que participarán este ano na sección Sinais, ou de Claudia Pineda, que pouco despois do seu paso polo (S8) era seleccionada polo ICAA para participar no Short Film Corner do Festival de Cannes.