Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Dar visibilidade ao proxecto de especialización do campus pontevedrés é o propósito central da Semana da Creatividade e da Innovación, un programa de actividades promovido polo Campus Crea, que nos próximos días se desenvolverá nas diferentes facultades e escolas. Gratuítas e abertas ao público, esta serie de conferencias, talleres e actividades culturais conflúe á súa vez coa programación de Culturkata, impulsada pola Facultade de Comunicación. Coa creatividade como fío condutor dunha vintena de propostas, este centro acolleu a apertura conxunta destas dúas iniciativas, que arrancaron coa presentación dunha exposición de carteis de produtos innovadores deseñados polo alumnado e cun relatorio sobre innovación tecnolóxica.

“Nesta Semana da Creatividade e da Innovación o que pretendemos é dar visibilidade ao noso campus de especialización”, salientou a vicerreitora Eva María Lantarón, responsable de inaugurar estas xornadas xunto coa decana, Emma Torres. Ademais de presentar as diferentes iniciativas que engloba esta programación, Lantarón lembrou que o Campus Crea atópase actualmente iniciando os traballos para a súa acreditación, polo que o feito de que o proxecto de especialización “teña unha repercusión tanto a nivel académico como social é para nós moi importante”. Con esta programación a Vicerreitoría celebra cada ano, lembrou, o Día Internacional da Creatividade e da Innovación, que se conmemora o 21 de abril e que é tamén unha das data en torno ás que se articula a Semana da Creatividade Culturkata, xunto co día da súa patroa desta facultade, Santa Catarina de Siena, o vindeiro venres 28. “Para nós é moi importante conmemorar esta Semana da Creatividade, que é a nosa esencia de traballo”, sinalou Emma Torres respecto dunha programación coa que buscan tamén “manter o contacto co noso antigo alumnado”, a través de actividades protagonizadas por profesionais formados no centro. 

Ler a nova completa no DUVI