Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Filmes como A pantasma da ópera ou María, raíña de Escocia e series como Xogo de Tronos forman parte das producións audiovisuais que contaron coa participación da artista téxtil e investigadora Artanza Vilas no seu deseño de vestiario. Profesora asociada na Universidade das Artes de Londres, Vilas é a responsable de impartir o taller A impresión 3D e o téxtil, unha aproximación, unha iniciativa promovida polo Campus Crea que se desenvolve este martes e mércores no CREA Lab da Vicerreitoría.

“Imos estudar as posibilidades de utilizar o lapis 3D no contexto do téxtil, ben para crear estruturas baseadas en estruturas téxtiles tradicionais, ben para traballar directamente sobre un tecido”, sinala esta deseñadora. Nese senso, tanto a utilización deste lapis 3D sobre papel, acetato ou cristal, como as súas posibilidades no traballo cos tecidos forman parte dos contidos deste taller de 14 horas, divididas en dúas xornadas, que cubriu en poucos minutos as súas doce prazas. 

A actividade botou a andar na mañá deste martes cunha serie de actividades dirixidas a que as estudantes participantes se familiarizasen con manexo desta ferramenta, para logo pór o foco nas súas posibilidades á hora de crear estruturas “que se asemellen ao téxtil, aínda que non sexan tecidos tradicionais”. Para iso, explica Vilas, as alumnas traballan principalmente con filamentos ríxidos, cos que “explorar xeometrías que poidan engadir flexibilidade” ás estruturas xeradas, de tal xeito que estas “se comporten” como un elemento téxtil. Por outra banda, empregarán tamén estes lapis “para debuxar sobre o téxtil”, nun taller “moi aberto” no que irán progresivamente “aumentando o volume” deses debuxos, co propósito de que poidan explorar as súas posibilidades como “unha fórmula para debuxar en tres dimensións” sobre un tecido.

Ler a noticia completa no DUVI