Os procesos de innovación na economía circular, a arqueoloxía da arquitectura e o uso dos procedementos téxtiles tradicionais na creación artística centran os tres novos cursos de Extensión Universitaria promovidos a pola Vicerreitoría do campus para os próximos meses. Abertos a toda a cidadanía, desde esta semana permanece aberta a inscrición nesta programación, que se completa cunha nova edición dun seminario que analiza diferentes estratexias márketing e comunicación empresarial a través das experiencias dunha serie de profesionais. “Trátase dunha programación formativa aberta a toda a cidadanía, que ademais de complementar a formación do estudantado de diferentes titulacións, contribúe a achegar a Universidade á sociedade”, sinala a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, respecto dunha serie de actividades que buscan tamén "levar á formación máis aló do curso académico”. De feito, os antigamente coñecidos como cursos de verán esténdese neste 2023 no campus pontevedrés de maio ata outubro, con catro seminarios que ofertan no seu conxunto un total de 100 prazas.
Nesta programación insírense, por unha banda, tres cursos de 30 horas, con taxas de matrícula queoscilan entre os 25 e os 50 euros, ás que se aplica un desconto do 35% ou do 20% para os diferentes colectivos vinculados á UVigo. Nestes tres casos, a inscrición permanecerá aberta ata que se cubran as prazas ou ata 15 días naturais antes da data de inicio. Por outra banda, esta oferta formativa complétase cun curso de 60 horas sobre economía circular, no que a inscrición pechará o 10 de maio e que terá un prezo de matrícula de 100 euros, tamén con diferentes descontos para os colectivos vinculados á Universidade.