Sensibilizar á poboación respecto dos efectos do tabaquismo, unha das principais causas de enfermidade e morte prematura no mundo, a través de mensaxes “visualmente impactantes”. Esta é a proposta que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés trasladou ao alumnado da Facultade de Deseño, que traballou nas últimas semanas na creación dunha serie de carteis, pensados para a súa exhibición en contornas hospitalarias. Os prototipos das preto de dez propostas finalmente seleccionadas e que poderán verse no Hospital Montecelo presentáronse este venres neste centro hospitalario, no marco da xornada institucional promovida pola Área Sanitaria con motivo da conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco.
Con mensaxes como “romper unha adicción non é só ter vontade”, as propostas ideadas polas alumnas e alumnos do Grao en Deseño foron presentadas neste acto pola profesora Silvia García, responsable da materia Deseño para todas as persoas: transmisión e mediación, na que se inseriu este proxecto. No marco desta colaboración, as preto de 40 alumnas e alumnos desta materia compartiron en primeiro termo nun coloquion na facultade coa facultativa da Subdirección de Humanización e responsable do Plan de Acción de Tabaquismo da Área Sanitaria, Victoria Aldea, e coa responsable de Formación Continuada do persoal médico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Rosa Conde. Tras este primeiro achegamento á proposta e á realidade do tabaquismo, as e os estudantes debían traballar en deseños e mensaxes pensados para unha contorna hospitalaria. Isto levouno en primeiro termo unha “etapa de prospección”, que permitiulles coñecer “a complexidade das mensaxes no contexto hospitalario, no que hai distintas realidades”, recoñece García, que incide en que unha parte do traballo centrábase en que “pensaran na diversidade de poboación que vai a un hospital e en como se leen as mensaxes”.
Ler a noticia completa no DUVI