“Que o traballo que se fai dentro da aula teña algún tipo de repercusión positiva na sociedade”. Este é, como sinala o profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte, o propósito central da metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), na que se sustenta o proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática. Esta iniciativa leva ao alumnado deste centro a crear unha serie de vídeos dirixidos a mostrar á cidadanía “que é a desinformación, por que funciona e cales son as estratexias e ferramentas para combatela”, sinala este docente. Preto de 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual participan no presente curso, baixo a coordinación de Dafonte, na sexta edición dunha iniciativa seleccionada na convocatoria de Aps no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Universidade de Vigo e na que o alumnado conta novamente co asesoramento da ONG Ecos do Sur.