Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Dar visibilidade aos estudos que se desenvolven en diferentes programas de doutoramento e favorecer, á súa vez, o contacto entre investigadores e investigadoras de diversas áreas. Estes son obxectivos da Semana de Investigación do Campus Crea, unha actividade que arrancou este luns coa presentación por parte de sete estudantes de posgrao dos pósters nos que resumen as súas liñas de investigación e que permanecerán expostos ata este venres na Escola de Enxeñaría Forestal. Con traballos que abranguen desde as aplicacións artísticas de produtos xerados con especies invasoras, a creación dun papel alimenticio a partir dunha alga, ata os efectos dun programa de exercicio físico e cognitivo en pesoas con párkinson, o obxectivo desta iniciativa é “favorecer que se dean a coñecer as investigacións que se están a facer no campus”, á vez que contribuír a que poidan “buscarse sinerxías que poidan dar lugar a novas ideas”, como salientou a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.

Dirixidas tamén a que o alumnado de doutoramento se enfronte tanto á elaboración a un dos formatos habituais de presentación de estudos en congresos, como a súa propia defensa, as xornadas arrancaron este luns coa presentación dos diferentes, nun acto no que participaron Fernández Souto e o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres. “É importante que na Universidade saibamos o que se está a facer”, salientou a directora do Campus Crea, que lembra nese senso que a “interdisciplinariedade” é o sinal de identidade tanto do proxecto de especialización como do programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable, polo que este tipo de iniciativas, “poden ser moi interesantes mesmo para dar lugar a novos proxectos”:

Ler a nova completa no DUVI