Un martelo e un paraugas. Estes foron os dous obxectos que a organización da II Olimpíada da Creatividade entregou aos 14 equipos de estudantes de bacharelato e ESO, procedentes de sete institutos, que este xoves participaron nesta competición promovida polo Campus Crea. A partir destes dous elementos, ás e os participantes debían idear un obxecto cunha fisonomía, estrutura ou función innovadora, para lograr o pase á final dunha olimpíada que reuniu na Facultade de Comunicación 70 estudantes dos IES A Xunqueira I e Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra; Mendiño, de Redondela; Ribeiras de Louro, de Porriño; Praia Barraña, de Boiro; e Adormideras, da Coruña, así como do colexio pontevedrés Sagrado Corazón.
Os dous grupos que representaban ao Praia Barraña e un equipo da Xunqueira I, Frei Martín Sarmiento e Ribeiras de Louro lograron o pase á final desta competición. Nela, debían dar continuidade a unha idea da fase previa, vinculándoa cun dos catro ámbitos do Campus Crea; educación, deseño, arte e comunicación.
Así o fixo o equipo do IES Xunqueira I, que se converteu no gañador desta II Olimpíada Crea grazas á súa proposta de orientar ao mundo da educación a idea do “paraugas para recoller froitas” co que trallabaron nesta fase final, converténdoo nunha ferramenta para as aulas de infantil. O segundo premio foi para un dos grupos do Praia Barraña, quen traballou cun “paraugas para axudar aos animais”, mentres que o terceiro clasificado foi o IES Ribeira de Louro, quen transformou nunha ferramenta docente a proposta dun “paraugas invernadoiro”. As e os integrantes destes tres equipos foron agasallados cunha cámara nunha entrega de premios na que participou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e na que foron recoñecidos cun diploma o equipo do IES Frei Martín Sarmiento e ao outro grupo finalista do Praia Barraña, como cuarto e quinto clasificados.
Ler a noticia completa no DUVI