Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 

O concepto da gráfica de campo expandido, que fai referencia a como a arte gráfica avanzou da bidimensionalidade para expandirse polo espazo é unha das liñas centrais de traballo do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes. Nela insírense proxectos como O múltiple que ocupa o espazo, que en 2024 abrangueu a organización de tres exposicións simultáneas, un ciclo de conferencias e unha serie de intervencións no espazo público de Pontevedra. Co propósito de afondar e proxectar esta liña de traballo, o grupo optou por “expandila a través de diferentes exposicións en múltiples espazos de España”, como salienta a súa investigadora principal, Ana Soler. Nesa idea insírese Fringe, a mostra que o grupo dx5 promove no Espacio Argen, en Madrid, e na que as obras de cinco das e dos seus integrantes establecen un diálogo coas dos tres artistas convidados. 

“Queríamos que O múltiple que ocupa o espazo se expandira e se ampliara”, engade Soler, respecto dunha mostra que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través das axudas aos grupos de referencia competitiva, e que se complementa cun programa de actividades. Inaugurada na tarde deste xoves, Fringe é unha exposición comisariada polos expertos en arte gráfica Isabel Elorrieta e Antonio Cervera, que reúne as creacións das artistas e investigadoras Ana Soler, Anne Heyvaert, Aldara Vázquez e Almudena Fernández Fariña, recentemente recoñecida co Premio da Cultura Galega, xunto coas obras de Carlos Fer e dos convidados Almudena Lobera, Juan Lara e Pedro Luis Cembranos.

A través da instalación, a pintura, a gráfica contemporánea, o debuxo, o téxtil ou a experimentación visual, esta exposición propón “un percorrido por distintas formas de expresión gráfica”, sinalan os comisarios dunha exposición que alude no seu título á idea das marxes, a aqueles espazos “nos que as disciplinas se contaminan mutuamente e onde xorden novas formas de creación”. Nese senso, as pezas que se reúnen nesta mostra “parten de procedementos vinculados á tradición gráfica”, como a transferencia, a repetición, a multiplicación ou a transformación, “para desprazalos cara novos contextos e formas de produción”. 

Ler a noticia completa no  DUVI