Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

O III Congreso Internacional de Creatividade terá como eixe temático as transformacións que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a xerar nas catro áreas que abrangue o proxecto de especialización do campus de Pontevedra: a comunicación, o deseño, a arte e a educación. Promovido polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra, este foro académico desenvolverase os días 8 e 9 de outubro, reunindo no seu programa conferencias, mesas temáticas e presentacións de estudos que porán o foco “en como a creatividade se reconfigura nun contexto marcado pola intelixencia artificial, a sostibilidade, a ética dixital e transformación educativa”, sinalan desde o comité organizador.

Dirixido polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino e Sara Domínguez Lloria, con Susana Blanco como secretaria do comité organizador, este congreso estrutúrase un ano máis en catro bloques, correspondentes coas catro áreas do Campus Crea. Baixo o título de Conexións reais: deseño, arte e educación na era dixital, esta edición busca dar resposta á necesidade “de abordar unha realidade cada vez máis presente e con importantes implicacións de futuro nos ámbitos arredor dos cales se articula o congreso”, salienta Pino. “A tecnoloxía e, particularmente, a intelixencia artificial están a producir unha profunda transformación” nos eidos da educación, a arte, o deseño e a comunicación, “polo que consideramos necesario promover un espazo de análise, reflexión e debate sobre as súas posibilidades, desafíos e implicacións éticas e creativas”, subliña esta catedrática. 

 

Ler a noticia completa no DUVI