Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Impulsada polo Campus Crea coa finalidade de contribuír á divulgación de investigacións de carácter interdisciplinario, a innovación educativa e a intelixencia artificial constitúen os dous eixes centrais do quinto número do International Multidisciplinary Jorunal CREA (IMJC). Esta revista científica en formato electrónico, reúne neste volume sete artigos asinados por investigadores de cinco universidades españolas, que afondan en cuestións como o uso da intelixencia artificial xerativa na docencia, no desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo ou nas limitacións do regulamento de intelixencia artificial da Unión Europea para limitar a “manipulación algorítmica”.

Nacida coa finalidade de conectar diversas disciplinas e de contribuír á divulgación científica desde unha perspectiva interdisciplinaria, IMJC, trátase dunha publicación de acceso aberto, incluída no portal de revistas do Servizo de Publicacións da UVigo e definida polo seu “horizonte multidisciplinar”, como destaca o seu editor xefe, o profesor do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Luis Velasco. O seu propósito, sinala, é “ser un foco de recepción de propostas interdisciplinarias e transdisciplinarias sobre a idea da creatividade”, dentro do que, recoñece, están a gañar protagonismo “as propostas de artigos relacionados, sobre todo, coa creatividade centrada na innovación educativa”. Así se ve reflectido nos artigos seleccionados para o quinto número dunha publicación anual, no que varios dos estudos céntranse, desde diferentes perspectivas, nas aplicacións e implicacións da intelixencia artificial. Como recoñece Velasco, esta tecnoloxía constitúe un foco de análise “que nin sequera estaba no horizonte” cando se creou esta revista “e que agora, recoñece, constitúe un reto moi interesante para a propia noción de creatividade”.

Ler a noticia completa no DUVI