Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Unha investigación sobre a relación que se dá entre corpo e espazo a través do uso do téxtil nas instalacións artísticas contemporáneas. Deste xeito preséntase o libro Espacios Textiles: Habitando la interfaz, nova publicación do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes, que recolle os resultados do estudo de máis de 200 obras de artistas dos séculos XX e XXI, que Sara Coleman desenvolveu no marco da súa tese de doutoramento e que deu como resultado o primeiro libro centrado nas instalacións artísticas téxtiles. Publicado polo grupo dx5 e Dardo, co financiamento da Xunta de Galicia, o ensaio “parte da idea de que o téxtil é reflexo dunha estrutura de pensamento que sucede a través dunha relación material entre corpo e espazo, onde o tecido se sitúa como interface”, sinala esta artista e investigadora.

“Neste ensaio, proponse pór o foco nese espazo intermedio que ocupan os téxtiles e que permite aos artistas explorar novas formas de expresión e significado”, engade Ana Soler, directora do grupo dx5 e editora dun volume que recolle unha adaptación da tese que Coleman desenvolveu baixo a súa dirección. Espacios Textiles: Habitando la interfaz articúlase arredor do concepto de “modos téxtiles”, co que Coleman busca ir máis aló do uso de tecidos na arte “para referirme aos téxtiles nun sentido amplo e, sobre todo, para entendelos como procesos e formas de facer”. Xerados a través do entretecido, do anoado ou do compactado, “os téxtiles encerran múltiples e diversas formas de procesar que, á súa vez, remítennos a diferentes formas de pensamento”, subliña a tamén profesora da Universidad de La Laguna.

Ler a nova completa no DUVI