Tradicionalmente asociada a disciplinas como o gravado, a idea de arte gráfica fai referencia a manifestacións artísticas definidas pola multiplicidade, pola capacidade de xerar diferentes obras a partir dunha mesma matriz. Non obstante, a noción de gráfica contemporánea expándese hoxe moito máis aló da posibilidade de xerar unha obra con varias copias, englobando un conxunto de procesos e posibilidades respecto das que 13 artistas propoñen unha reflexión, en forma precisamente de obra gráfica, na última publicación do grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes. Baixo o título de Libro en blanco. Espacios liminales de la gráfica contemporánea, este volume preséntase como un libro de artista colectivo, que reúne as creacións de integrantes ou antigos integrantes do grupo, mais tamén como un traballo de “investigación teórico-práctica”, no que explorar as diferentes dimensións da gráfica contemporánea. “Utilizando o branco como elemento central, posibilitador”, sinalan desde o grupo de investigación coordinado pola profesora Ana Soler, este libro “explora a expansión constante da gráfica contemporánea e responde á necesidade de reconsiderar os conceptos fundamentais da gráfica tradicional”.
Publicado pola editorial especializada Grabado & Edición, o libro ten como obxectivo “promover a reflexión acerca da situación conceptual da gráfica contemporánea, a súa expansión, novas formulacións e actual anexión dos seus espazos limítrofes”, sinalan desde o grupo dx5 (digital & graphic art research). Fano a través dun conxunto de “propostas conceptuais e visuais” de Ana Soler, Anne Heyvaert, José Andrés Santiago, Almudena Fernández Fariña, Antía Iglesias, Carlos Fer, Dennise Vaccarello, Marco Moreira, Tamara Casanova, Rebeca Lar, María Prada, Sara Coleman e Tatiana Lameiro. En todos os casos, as creacións teñen como punto de partida “a idea e presenza do branco” para logo “nun xogo de pregues e tintas, profundar nos conceptos principais da gráfica”.