Como “unha selección de miradas” a un “territorio híbrido entre arte e ciencia” preséntase un libro editado pol grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature. Estes seminarios, desenvolvidos en Nova York e Pontevedra, puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais, co obxetivo de “mapear” as prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía, sinalan as súas responsables. Baixo o título de Posthumanismos interdisciplinares en el arte y la ciencia, o volume ten como editoras á investigadora Antía Iglesias e á responsable do grupo dx5, Ana Soler, e conta tanto cunha edición en papel como cunha versión dixital de acceso aberto.
Ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts (SVA) de Nova York, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright, Iglesias impulsou en febreiro de 2025 este ciclo, cunha primeira ediciónno Biolab deste centro. O seu obxectivo, explica, era “activar un espazo de encontro entre creadoras, investigadoras e axentes culturais cuxas prácticas se aproximan á noción de natureza desde os seus límites de contacto con outras disciplinas”. Poucos meses despois, o BioBAT Art Space de Nova York foi sede da segunda edición deste seminario, que a finais dese ano desenvolvería un terceiro encontro en Pontevedra, froito da colaboración entre os grupos dx5 e AF4, xunto co Campus Crea e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
Esta publicación, explica Iglesias, recolle agora “as reflexión e intervencións” dos investigadores e investigadoras convidados a esta terceira edición, xunto “unha revisión e contextualización das dúas primeiras xornadas, realizadas en Nova York”. Publicado polo Servizo de Publicacións da UVigo e coordinao por esta artista e investigadora, co apoio de Aldara Vázquez, o libro conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través das Axudas do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas.
Ler a noticia completa no DUVI