“Explorar como a incerteza se reflicte, se xestiona e se transforma desde os medios de comunicación”. Este é, como sinala a presidenta da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), Carmen Peñafiel, o propósito central do congreso internacional que reúne no campus de Pontevedra máis de 450 investigadoras e investigadores de 30 países. Promovido pola Facultade de Comunicación conxuntamente con esta asociación, o X Congreso Internacional da AE-IC celebra este martes a súa apertura, que se verá sucedida por tres xornadas de actividade na facultade, nas que se presentarán un total de 368 estudos, aos que se sumarán tres sesións plenarias que afondarán no papel de comunicación nun momento no que “as transformacións tecnolóxicas e a desinformación están afectando á percepción que temos da realidade”, recoñeceu Peñafiel.
Baixo o título de Comunicar na incerteza, este congreso celebra na tarde deste mércores na Casa Consistorial a súa acto inaugural, que se viu precedido por un encontro de representantes da organización na Casa das Campás, no que a presidenta da AE-IC, a decana, Emma Torres, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, afondaron na programación que ata este venres se desenvolverá na Facultade de Comunicación.
De carácter bienal, o congreso da AE-IC constitúe “o evento de investigación en comunicación máis importante do país”, salientou Torres, quen incidiu "na grande oportunidade para a Universidade e para o noso centro" que supón acolller por primeira vez este encontro académico. Nesa mesma liña, Lantarón destacaba que se trata dun evento que “marca un fito histórico para a nosa Universidade”, e que “consolida o Campus Crea como epicentro internacional da investigación” neste ámbito. O congreso conta con 460 inscritos e inscritas que participarán no evento de xeito presencial, ao que se suman aqueles e aquelas que presenten os seus traballos de forma virtual, opción que a organización abría a un máximo do 20% das comunicacións. No seu conxunto, estas ascenden a un total de 368, asinadas por 626 investigadores e investigadoras de 91 universidades, procedentes principalmente de diferentes países europeos e de América Latina, explicou Franquet.
Ler a noticia completa no DUVI