Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Como unha exposición que “pretende xerar unha reflexión acerca da identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia” define a catedrática da Facultade de Belas Artes Yolanda Herranz Compartir es vivir, unha mostra que reivindica o papel das artistas a través dunha serie de obras “concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista”. Comisariada por Herranz e a artista e colaboradora do grupo de investigación ES2 Celeste Garrido, a exposición estreouse a finais de 2022 en Marín, reunindo as creacións de 15 artistas de seis países, que agora poden verse no Museo de la Mujer de México, na que é a primeira parada desta exposición en América Latina. 

Dependente da Universidad Nacional Autónoma de México (UNAM), este museo acolle ata o 31 de marzo un proxecto expositivo que contou co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidades e que se insire nas iniciativas da Colectiva Portal de Igualdad, que ten entre as súas liñas de actuación “o desenvolvemento dunha museografía feminista”, como apunta Herranz. Coa colaboración tamén do colectivo Clásicas y Modernas, Compartir es vivir presenta, entre outras obras, a peza ¿Tienen que estar desnudas las mujeres para entrar en la MET?, unha adaptación ao castelán da obra máis emblemática das Guerrilla Girls, un colectivo de artistas xurdido na década de 1980 nos Estados Unidos co obxectivo de reivindicar a discriminación das mulleres na arte.

Ler a nova completa no DUVI