Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Un percorrido pola tradición musical galega, no que houbo espazo para pasodobres, xotas, muiñeiras, coplas ou carballesas, da man de Pepe Vaamonde Grupo, As Cantigas de Elena e a Aula Permanente de Música Tradicional. Esta foi a proposta que a Vicerreitoría do campus despregou na noite deste xoves nos Teatro Principal, nunha nova edición do Concerto de Primavera, que tivo como principal protagonista á formación liderada polo compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde. Nun evento organizado coa colaboración do Concello de Pontevedra, esta formación presentou o seu espectáculo O mellor dos catro elementos, no que propoñen un percorrido polos catro traballos discográficos que editaron ao longo de máis de dúas décadas de traxectoria musical.

A través da combinación de pezas instrumentais de composición propia e cancións tradicionais, a banda que integran Vaamonde, o guitarrista Pipo Alvariño, o baixista Jesús Vidal, o percusionista Miguel Anxo López e a acordeonista Miryam González repasaron algúns dos temas reunidos en catro traballos que, como explicou Vaamonde, naceron da “idea peregrina de dedicar cada disco a un dos catro elementos”. Auga, vento, terra e lume foron nese senso os fíos condutores, respectivamente, de Aviouga (2002), Onde nace o vento (2005), Introterra (2009) e Nas Pedras do Lar (2015), discos que repasaron nunha actuación na que tamén estrearon dúas composicións que formarán parte do seu próximo traballo.

Ler a nova completa no DUVI