Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Presentada pola organización como “unha das grandes citas internacionais da arte contemporánea”, ata este domingo desenvólvese no Ifema madrileño a 45 edición da Feira Internacional de Arte Contemporánea Arco. Xunto á presenza de máis de 200 galerías de 30 países, na súa programación insírese a feira de libro de artista e libro de arte ArtsLibris, onde o grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes busca dar a coñecer a súa traxectoria e liñas de investigación. Fano a través do conxunto de publicacións que reúnen no stand co que contan nunha feira na que participan máis de 90 editoriais, librarías e axentes culturais dunha vintena de países. Nela, o equipo investigador presenta tamén o proxecto gráfico un_ende, un libro de artista desenvolvido especificamente para este evento e que afonda na idea de arte múltiple de campo expandido combinando as creacións artísticas de dez das e dos seus integrantes.

Desde o grupo dx5 (digital & grahpic art research) destacan esta participación en Arco como unha oportunidade para “presentar no panorama da arte contemporánea, tanto nacional como internacional, a posición do grupo dx5 (digital & graphic art research) e a investigación que desenvolvemos”. Ademais de contar por primeira vez cun espazo en ArtsLibris entre este mércores e domingo, o equipo investigador de Belas Artes forma parte tamén da programación do speakers corner desta feira. Esta iniciativa, inserida na programación do Foro de Arco, permitirá dar a coñecer, este sábado ás 14.30 horas, tanto o labor do grupo, como o libro El múltiple que ocupa el espacio. Trátase dunha publicación que fai balance do VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira, que o grupo dirixido pola profesora Ana Soler desenvolveu en 2024 en Pontevedra, coa colaboración do Concello.

Esta presentación permitirá así mesmo dar a coñecer a futura publicación do libro Posthumanismos interdisciplinares entre el arte y la ciencia. Neste caso é o resultado da terceira edición de Art at the Edge of Nature, un ciclo de seminarios itinerante coordinado pola investigadora Antía Iglesias, que no mes de maio celebrará a súa cuarta edición na Universidad Complutense de Madrid.

Ler a nova completa no DUVI