Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura este xoves a súa programación no presente curso cunha mostra na que o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular. Desenvolvida especificamente para a sala de exposicións do campus, Ultramarinos Seoane é a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile e poderá visitarse ata o 22 de novembro. Co profesor da Facultade de Belas Artes Nono Bandera como comisario, a mostra, sinala, “articúlase a partir de cruces e asociacións arredor da obra” de Seoane e afonda en “como certas ideas ou prácticas artísticas viaxan dun lugar a outro, adáptanse e transfórmanse”. 

Como explica Gabler, conversas previas con Bandera levárono a afondar na figura e traxectoria de Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979), tanto polo seu interese “pola relación entre a arte e a cultura popular”, como por artistas que “traballaran en distintos medios”, lembrando neste punto as “incursións de Seoane no deseño, co proxecto de Sargadelos, que era en certa medida unha forma de levar a cultura tradicional á modernidade”. Ademais, o feito e que Seoane fose fillo de emigrantes e nacese na Arxentina, país ao que tivo que retornar como exiliado, facía del unha figura idónea para un proxecto que aborda tamén “o intercambio cultural entre España e América do Sur”, como destaca Gabler, que nos últimos anos protagonizou exposicións en Chile, Estados Unidos e Inglaterra. Estas conexións vense reflectidas á súa vez no título da mostra que, como engade Bandera, “non só fai mención ao azul de Seoane, senón tamén ao outro lado do mar” e a unha tenda na que atopar “algunha sorpresa inesperada”.

Ler a nova completa no DUVI