Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

“A idea orixinaria da Unión Europea non hoxe é menos necesaria que antes. Outra cousa é como se está a executar na práctica”, sostivo o profesor ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Carlos Pereira Menaut na conferencia que este martes impartía na sede da Vicerreitoría do campus con motivo do Día de Europa. Co gallo desta conmemoración, a Cátedra Jean Monnet Institucións Europeas e Cidadáns, que dirixe o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, promoveu un coloquio con este catedrático de Dereito Constitucional, que puxo o foco tanto na traxectoria da UE como no seu futuro, mais tamén no propio momento que atravesa. 

De feito, Pereira Menaut buscou en primeiro termo xerar unha reflexión “sobre a situación actual" da UE, nunha conferencia titulada A Unión Europea: entre o federalismo e o populismo, que foi presentada por Cancela e que puido seguirse tamén de xeito virtual, a través das plataformas da Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus). Este coloquio forma parte das actividades dunha cátedra financiada pola Comisión Europea que pon o foco nos efectos da dixitalización na UE, na que se insire tamén o obradoiro sobre a UE que este luns levou á Facultade de Dirección e Xestión Pública ao secretario técnico da AECT Río Miño, Lois Pérez Castrillo.

Ler a nova completa no DUVI