Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A estudante da Facultade de Comunicación Xulia Vicente alzábase este venres co premio de prata no certame para novas e novos talentos dos Premios Nacionais da Creatividade, categoría á que concorreron preto de 200 proxectos. A alumna do Grao en Publicidade e Relacións Públicas recollía o seu galardón no marco dos actos que o Club de Creatividad, entidade organizadora destes premios, promove este venres e sábado en Donostia (San Sebastián). O traballo de Vicente fora un dos seis seleccionados como finalistas da categoría Jóvenes Creativos, na que as e os participantes debían deseñar unha acción de comunicación para Mahou. Ás e os seus autores participaban este venres no Palacio de Congresos Kursaal no acto de entrega dos tres premios outorgados por un xurado integrado por oito das e dos responsables dos Premios Nacionais da Creatividade 2025, nos que se distinguen os principais traballos publicitarios do ano en España, así como por un representante de Mahou.

O premio de ouro desta categoría foi para o proxecto Leyendas del fútbol, de Marta Landa e Matxalen Múñoz, da escola Aula Creativa; mentres que Vicente logrou a prata grazas a La cantera de Mahou, e o terceiro premio foi para os estudantes de The Atomic Garden Jesús Gómez e Andrés María García. Tanto os seus proxectos como as outras tres propostas finalistas formarán parte do Anuario de la Creatividad Española, no que a entidade promotora destes galardóns reúne os mellores anuncios do ano. 

Ler a nova completa no DUVI