Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Unha investigación plástica que converte o po de granito en material dun proxecto artístico e un estudo sobre os elementos narrativos e estéticos comúns do cinema luso-galaico foron recoñecidos cos VI Premios Crea, dirixidos a distinguir accións destacadas no ámbito da creatividade da comunidade universitaria. Promovidos polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, a investigadora predoutoral Sara Piñeiro e a estudante Cristina Martínez foron recoñecidas nas dúas categorías destes galardóns, que teñen como propósito premiar investigacións, publicacións, obras e proxectos vinculados coa creatividade e adscritos ás liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra. 

Na modalidade destinada ao persoal docente e investigador, a investigadora da Facultade de Belas Artes Sara Piñeiro acadou un premio de 1500 euros polo seu proxecto Esas estupendas materias duras, na que o po de granito dá lugar a unha serie de pezas para unha instalación artística. “A verdade é que un premio sempre é unha alegría e máis no contexto da Universidade”, recoñece Piñeiro Fernández, que lembra que “moita parte do proceso” que abrangue o desenvolvemento dun proxecto artístico “é invisible”, polo que recoñecementos como este supoñen “dalgunha forma unha especie de empurre e de ánimo”.

Na categoría dirixida ao alumnado, outorgouse un recoñecemento de 750 euros a Creación do vídeo ensaio Terra luso-galaica de lendas e maxia, que a graduada en Comunicación Audiovisual Cristina Martínez articulou a partir do seu traballo de fin de grao, centrado en identificar os elementos que contribúen á construción dunha “identidade luso-galaica”, a través da análise de coproducións cinematográficas. "Recibo este premio con moito agradecemento e como unha motivación para seguir formándome no campo da comunicación", salienta Martínez Penas, quen recoñece a ilusión que lle supón "que o meu nome forme parte da Universidade de Vigo", na que agarda poder continuar formándose cursando un mestrado o vindeiro curso.

O acto de entrega destes galardóns terá lugar o 19 de novembro, no marco da IV Xornada de Investigación do Campus Crea, que se desenvolverá na Facultade de Comunicación.

Ler a noticia completa no  DUVI