Un percorrido polos seus máis de 20 anos de traxectoria e os seus catro traballos discográficos. Isto é o que propón Pepe Vaamonde Grupo co seu espectáculo O mellor dos catro Elementos, que o vindeiro xoves 23 centrará o Concerto de Primavera da Vicerreitoría do campus. Organizado coa colaboración do Concello de Pontevedra, terá lugar ás 21.00 horas no Teatro Principal e contará con entrada gratuíta, previa recollida dunha invitación nas conserxerías das diferentes facultades e escolas e da Casa das Campás. Ademais desta banda de folk, a actuación contará tamén coa participación das e dos integrantes da Aula Permanente de Música Tradicional do campus e da cantareira pontevedresa María Vidal.
Como lembra o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, este Concerto de Primavera insírese “nas actividades de extensión universitaria que se ofrecen ao conxunto da cidadanía” e á súa vez constitúe “un acicate” para as persoas que participan na aula permanente, “xa que ter a posibilidade de tocar con grupos de renome sempre supón un aliciente”. Nese senso, boa parte das persoas participantes nunha actividade formativa que reúne neste curso 46 persoas abrirán e pecharán este recital xunto á formación que encabeza o compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde.