Como “unha inmersión no imaxinario e nos usos históricos das cavernas como espazos de memoria, refuxio e violencia” presentaban desde Play-Doc o filme Furada Negra, do artista e profesor da Facultade Belas Artes Berio Molina, recoñecido co premio da sección competitiva de Galicia na 22 edición deste Festival Internacional de Cinema de Tui. O xurado destes galardóns decidiu outorgar este premio ex aequo a Crías, de Xiana do Teixeiro, e á curtametraxe documental no que este artista e docente combina imaxes de arquivo de diferentes covas galegas coa “paisaxe sonora” destes espazos subterráneos.
“Moi contento, porque sempre é de agradecer que valoren o traballo que fas”, recoñecíase Molina despois de recibir este galardón na xornada de peche deste festival. A isto sumábase o “valor especial” de poder recoller este galardón nun acto no que estiveron presentes, lembra, integrantes do Clube Espeleolóxico Maúxo, responsables do traballo que serviu como punto de partida de Furada Negra. O filme premiado, explica Molina, emprega material de arquivo anterior ao ano 1970, que este club foi compilando cos anos e que deu lugar ao libro Tesouro Espeleolóxico Galego, editado por aCentral Folque, que reúne este conxunto de imaxes e documentos sobre covas, xunto con textos de Alba Cid.
“O groso do libro é unha arquivo que ten a peculiaridade de que non hai unha xerarquía nas entradas”, sinala Molina dun traballo que compila un conxunto “moi amplo” de textos e imaxes “todas a un mesmo nivel”, o que facíao á súa vez “moi suxerente para facer a curta, porque abría moitas vías de entrada e moitas vías de descubrir cousas”. A súa vez, recoñece, tratábase dun arquivo ao que lle faltaba unha dimensión sonora, o que levou ao cineasta e docente a traballar, xunto con Xoán-Xil López, na “xeración dun arquivo sonoro” a través de gravacións no interior de covas como as do Folón. Deste xeito, explica, buscaba que a obra puidese reflectir tamén “a paisaxe sonora” destes espazos, caracterizada así mesmo por esa diversidade de entradas, “xa que nunhas escoitabas unha fervenza, noutras un regato, noutras unhas pingas...”, apunta.
Ler a noticia completa no DUVI