Saúde, comunicación, deseño, recursos naturais, gobernanza e pedagoxía na profesionalización docente. Cando menos dúas destas seis liñas de investigación específicas do Campus Crea deberán combinarse nos traballos ou accións desenvolvidos que opten aos III Premios CREA-Creatividade e Innovación, uns galardóns dirixidos a promover o traballo interdisciplinar do alumnado, nos que se repartirán 3000 euros en premios. Ata o 28 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de traballos a estes premios promovidos pola Vicerreitoría e o Campus Crea, enmarcados, como recolle a súa convocatoria, na “política de impulso e fomento do proxecto de especialización” do campus pontevedrés.
Abertos a múltiples tipos de propostas, “a principal condición para poder participar neste premios é que os traballos reúnan liñas de investigación distintas e complementarias”, salienta a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. Nese senso, sinala, o principal propósito destes galardóns é pór en valor “as investigacións interdisciplinares que se desenvolven no campus" e que conectan directamente “coa cultura do Campus Crea, que pretende xerar sinerxías entre as distintas titulacións e os diferentes investigadores e grupos e promover accións, investigacións e estudos que sexan interdisciplinares”.