Coincidindo coa conmemoración, o 21 de abril, do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, o campus de Pontevedra busca pór en valor o fío condutor do seu proxecto de especialización, a creatividade, cun conxunto de actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía. Entre o mércores 19 e o venres 28, as diferentes facultades e escolas acollerán unha serie de conferencias, talleres e xornadas, no marco da Semana da Creatividade e da Innovación. Trátase dun conxunto de propostas que buscan pór de relevo “os vínculos que hai entre os distintos graos, mestrados e doutoramentos do campus, a través de actividades que propoñen distintos enfoques da creatividade”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.
“Trátase de actividades que vinculan a innovación, a creatividade e a imaxinación desde distintos puntos de vista e que poden ser moi enriquecedoras para calquera persoa”, engade Fernández Souto da programación promovida polo Campus Crea. Nese senso, esta Semana da Creatividade e da Innovación contará, entre outros, coa participación do creativo publicitario Toni Segarra, que a revista Forbes situou entre as 25 persoas máis influentes de España; do fundador do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, Pep Torres; e da cineasta Ángeles Huerta, directora da película máis galardoada na última edición dos Premios Mestre Mateo, O Corpo Aberto.