Achegar o alumnado á realidade profesional en diferentes sectores é o obxectivo das Conversas Empresa Universidade, unha serie de encontros promovidos polo Campus Crea, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, que terán como protagonistas unha vintena de profesionais da fotografía, a creatividade, a fisioterapia e o deseño. “Que empresas e profesionais poidan darlles a súa visión sobre o mercado laboral é algo moi importante para o alumnado”, salienta a directora da Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, dunha actividade que arranca o venres 27 na Casa das Campás cun encontro sobre fotografía. A continuación, o luns 30 terá lugar unha xornada sobre creatividade publicitaria na Facultade de Comunicación, mentres que a do 9 de novembro centrarase na fisioterapia, pechándose esta iniciativa, entre o 27 de novembro e o 1 de decembro, cunha serie de talleres na Facultade de Deseño.
Coa excepción destes talleres, que polo seu formato estarán limitados ao alumnado desta facultade, o resto de xornadas están abertas tanto ao estudantado como ao público xeral. Nelas, explica Fernández Souto, participarán “desde profesionais que crearon a súa propia empresa a persoas que traballan por conta allea e que xa teñen un percorrido”, que achegarán ao alumnado tanto "a súa visión da realidade do seu sector e do seu futuro inmediato”, como o seu percorrido profesional.