O profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte foi nomeado director de área de Campus Crea, cargo que lle leva a situarse á fronte dos traballos para a obtención da acreditación deste proxecto como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG). “É un proxecto importante para a Universidade e que terá unha repercusión moi positiva para o campus”, salienta este docente e investigador, quen xa formara parte do Comité de Dirección do Campus Crea entre 2014 e 2018.
Dafonte Gómez participara por aquel entón na posta en marcha “dalgunha das primeiras pedras” do proxecto de especialización, como a gala de presentación do Campus Crea ou a posta en marcha da Semana da Creatividade. Nese senso, recoñece que asume a dirección de área dentro da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, como unha oportunidade de contribuír a un proxecto “importante para a comunidade universitaria de Pontevedra”. De aí que incida no “interesante” dunha área de traballo que dá a posibilidade “facer propostas que poidan redundar en beneficio dos centros, das titulacións e da comunidade que forma parte do campus”, contribuíndo tanto en materia de formación como na busca dunha “maior colaboración ou transversalidade” no eido da investigación.
Profesor titular do Departamento de Comunicacion e Publicidade, é o coordinador do grupo de investigación en Comunicación e Servizo Público (Sepcom) e do grupo de innovación docente Dixitais. Previamente, foi tamén secretario académico e videcano de Calidade da antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que se responsabilizou da posta en marcha do Mestrado en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, que coordinou entre 2017 e 2020.
Ler a noticia completa no DUVI