Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 

Por terceiro ano consecutivo, Pontevedra será sede da gala de entrega dos Premios Feroz, promovidos pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE). Novamente, este evento verase precedido por un conxunto de actividades centradas no audiovisual, que terán como sede o edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública. Esta programación previa porase en marcha no mes de outubro, con cinco “maratóns de series” que permitirán coñecer as primeiras tempadas de Vida perfecta, Autodefensa, Paquita Salas, Fácil e Cardo, nunhas proxeccións que se verán complementadas por un coloquio cos seus creadores, creadoras ou protagonistas.

Promovida polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, a programación de outubro foi presentada nesta xornada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus, Marián Fernández. Como explicaron, as obras que se están a acometer no Teatro Principal fan que “toda a programación previa dos Premios Feroz vaia desenvolverse na Facultade de Comunicación, o que permítenos como campus e como Universidade achegarnos un pouco máis á cidadanía”, salientou a vicerreitora. Fernández definiu esta programación como “unha oportunidade magnífica para establecer e continuar as sinerxías co Concello”, xa que estas actividades permiten achegar a cidadanía ao campus, ao tempo que “revisten na formación do noso alumnado”, dándolle a posibilidade de “participar de xeito voluntario e aprender deste tipo de eventos”. 

Nesa mesma liña, Fernández Lores amosouse “encantado de ter cada vez máis colaboración co campus”, o que levouno a apuntar tamén a outras iniciativas, como “a cesión dun espazo para o Campus Crea dentro do Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo” ou o traballo que están a realizar coa Universidade “para ver a posibilidade de mellorar a urbanización do campus”. Neste caso, o peche do Teatro Principal fai que o salón de actos do edificio que comparten Comunicación e Dirección e Xestión Pública, con capacidade para máis de 380 persoas, vaia acoller as proxeccións, para as que o Concello vai “habilitar un equipo de proxección de calidade".

Ler a noticia completa no DUVI