“A arte contemporánea abrangue unha pluralidade de ámbitos e temáticas e constitúe un contexto óptimo para exercitar a mirada crítica sobre a nosa sociedade”. Esta idea constitúe o punto de partida do libro A arte contemporánea e o traballo por proxectos. Propostas dende a docencia, no que a profesora da Facultade de Deseño Silvia García reúne un conxunto de reflexións e propostas sobre como a arte pode converterse nunha ferramenta para traballar nas aulas “de xeito transversal e interdisciplinar”. Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, o libro aborda como a arte pode ser o vehículo para promover entre as e os escolares unha reflexión sobre a súa contorna, natural e social, converténdoos en “protagonistas da súa aprendizaxe”.
“O obxectivo é achegar algunhas ideas para o traballo coa arte contemporánea nas aulas de primaria e secundaria”, sinala García, que o vindeiro mércores 7, ás 19.00 horas, presentará este libro na libraría Metáfora, no marco dun coloquio no que estará acompañada polo pedagogo e escritor Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra. “No libro falo da perfomance, da natureza, do táctil, da arte e o deseño...”, engade a autora dunha publicación que tivo como punto de partida “unha serie de escritos feitos ao longo dos anos”, que parten das súas experiencias como profesora e investigadora na Facultade de Belas Artes e do seu traballo no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Nese senso, esta monografía está conformada por dez capítulos independentes, que se completan cunha serie de propostas “sobre como podería iniciarse un debate na aula e traballar por proxectos”, así como cun conxunto de fotografías “pensadas para suxerir e acompañar os contidos”.