Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Desde o curso 2019/2020, o profesor da Facultade de Comunicación Alberto Dafonte desenvolve un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) no que o alumnado deste centro elabora unha serie de vídeos divulgativos dirixidos a informar dos efectos da desinformación e das ferramentas existentes para combatela. Co obxectivo de facilitar o acceso a esta serie de contidos, esta iniciativa vese complementada pola posta en marcha dun repositorio dixital que reúne os vídeos realizados nas últimas edicións desta actividade, na que o alumnado conta coa colaboración da ONG Ecos de Sur, que lles achega asesoramento e formación complementaria.

O obxectivo desta iniciativa, enmarcada nas actividades do grupo de innovación docente Dixitais, é permitir que a cidadanía “poida ter acceso, dunha maneira máis ordenada e organizada” a uns “traballos que poden ser moi útiles”, apunta Dafonte. Despois de que nas últimas semanas finalizase a sexta edición dunha actividade seleccionada na convocatoria de proxectos de ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da UVigo, a posta en marcha deste repositorio permite coñecer os vídeos realizados e publicados en diferentes redes sociais nas últimas semanas por 35 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual, na sexta edición do proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática. Tratábase, como apunta Dafonte, do segundo curso no que o proxecto se desenvolvía no marco da materia Propaganda en medios audiovisuais, o que permite “unha vinculación máis profunda entre a dimensión teórica da materia e o seu desenvolvemento práctico, entrando nunha etapa máis especializada en canto aos contidos abordados no proxecto”.

Ler a nova completa no DUVI