Pensarmos futuros sustentables é neste 2025 o lema da Semana CREA, o programa de actividades abertas a toda a cidadanía que busca servir como escaparate do proxecto de especialización do campus pontevedrés. Promovida polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, esta nova edición da Semana da Creatividade desenvolverase entre o 21 e 25 de abril, coa participación entre outros, do considerado mellor creativo publicitario español do século XX, Toni Segarra, da investigadora e deseñadora de moda Elisa Palomino ou do artista gráfico Bruno de Almeida. A moda sustentable, a creación artística con materiais de refugallo ou o deseño colaborativo son algunhas das temáticas na que porá o foco unha programación na que se insiren tamén catro obradoiros, así como un ciclo de cine que botará a andar este venres na sede da Vicerreitoría.
Como explica a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, trátase dunha programación que aborda “a creatividade nun sentido interdisciplinar e transdisciplinar” e que busca servir como “un escaparate do que é o Campus Crea”, no marco dos traballos para acadar a súa acreditación. Unha das novidades desta edición, engade, é o obxectivo de que esta Semana CREA teña cada ano “un eixe temático”, como sería neste caso a sustentabilidade, á vez que estean reflectidos nesta programación os diferentes ámbitos do Campus Crea.