Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Promovida polo Campus Crea, co apoio da Deputación de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo, este luns botou a andar a Semana da Creatividade 2024, un conxunto de actividades centradas nas diferentes liñas do Campus Crea e “que reflicten a realidade do proxecto de especialización, un dos motores que dan visibilidade ao campus de Pontevedra”. Deste xeito presentaba a vicerreitora Eva María Lantarón o programa de conferencias, seminarios e talleres, que entre este luns e venres se desenvolverán en diferentes facultades. “Temos actividades tan dispares como conferencias que abordan desde o impacto da intelixencia artificial nos labores creativos, aos procesos de invención de linguas, pasando polo deseño de carteis para o mundo audiovisual ou mesmo as conexións entre arqueoloxía e videoxogos e o mundo da moda e o deporte”, salientou Lantarón no acto inaugural desta Semana da Creatividade.

Dirixida, como lembrou Lantarón, a “dar visibilidade ao proxecto de especialización”, que afonda nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a creación artística ou a educación, na inauguración desta Semana da Creatividade participou tamén o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, quen lembrou que a institución provincial destina 55.000 euros ao impulso do proxecto de especialización do campus e destacou que esta programación traerá a Pontevedra “persoas expertas en temáticas moi variadas e interesantes”. Coa presenza tamén do concelleiro Alberto Oubiña, o acto completouse coa intervención da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, quen lembrou que "todas son actividades abertas á sociedade”.

Ler a nova completa no DUVI