Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes abre a súa programación do curso 2026/2027 con Seres, unha exposición “sobre as entidades imaxinarias que poboan o noso folclore persoal e os vínculos que establecemos con elas”, segundo sinala o seu comisario, o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Thomas Apostolou. A través de obras de diferentes disciplinas, realizadas por seis artistas orixinarios de Reino Unido, Alemaña, Brasil, Grecia e Zimbabue, esta mostra colectiva “reivindica a arte como unha forma de contacto co inaccesible”, engade Apostolou. Promovida co apoio da Deputación de Pontevedra, Seres celebra este xoves 8, ás 19.30 horas, a súa inauguración e reúne as pezas de Murilo Álvarez, Dominic Beattie, Anna Franke, James Alec Hardy, Deny Párchei e James Wright.

Ata o 1 de decembro poderá visitarse na sala de exposicións do campus unha mostra que reúne unha “ampla variedade de disciplinas, que inclúen escultura, cerámica, pintura, debuxo, instalación, video performance, arte sonora e escultura dixital”, salienta o seu comisario. Trátase ademais de obras realizadas por creadores e creadoras con diferentes traxectorias artísticas, desde figuras xa consolidadas ata estudantes da propia Facultade de Belas Artes, como é o caso de Álvarez. As súas obras, recoñece Apostolou, “non comparten un vocabulario visual formalmente parecido”, mais conéctanse a través desa capacidade que ten a arte “como nexo de comunicación co inaccesible”, de como “arquetipos, musas, demos, heroes, monstros, compañeiros e deuses, sendo produto da mesma multitude de medos, soños, desexos e razoamentos, a miúdo se manifestaron a través da arte”.

Nese senso, Apostolou recoñece que non buscaba “obras que compartiran unhas características ou conceptos determinados”, de tal xeito que, nun comezo, a conexión entre as diferentes pezas que integran esta mostra “permaneceu invisible para min”, ata finalmente atopar esa “presenza recorrente de entidades imaxinarias”.

 

Ler a noticia completa no DUVI