Baixo o nome de Simulacro, a Facultade de Comunicación desenvolveu unha aplicación de realidade virtual que permite simular procesos de produción audiovisual nunha serie de platós virtuais nos que é posible pór a proba múltiples parámetros de iluminación ou de emprazamento de cámaras. Despois de incorporar, o pasado curso, unha localización exterior, esta aplicación continúa crecendo coa posta en marcha dun “construtor de espazos”, que permite ás persoas usuarias definir as características e localización de elementos no espazo virtual. “Supón unha flexibilización da ferramenta moi importante, que abre posibilidades para o seu uso máis aló da docencia, como ferramenta de previsualización”, sinala o vicedecano Oswaldo García, coordinador desta iniciativa.
Desenvolvida ao abeiro da convocatoria de proxectos piloto de innovación docente da Universidade, esta nova funcionalidade permite aos usuarios e usuarias desta ferramenta definir diferentes características dun set de interiores, desde a localización das paredes ou o tipo de solo, ata o emprazamento das ventás ou dos elementos de mobiliario. “Ata o de agora, Simulacro ofrecía dous platós interiores e unha localización en exteriores e agora temos xa unha versión beta que ofrece a posibilidade de que constrúas un espazo adaptado ao teu proxecto ou ás túas necesidades docentes”, sinala o coordinador deste proxecto.
Concibida como unha ferramenta que, a través dunhas lentes de realidade virtual, permite ao alumnado desenvolver tarefas de realización, de dirección de fotografía ou de operador de cámara, estas novas funcionalidades achegan nese senso novas posibilidades á hora de amosar ao alumnado “fundamentos de realización ou iluminación”. Ao mesmo tempo, tamén amplían o potencial de Simulacro como “ferramenta de previsualización”, en eidos como a ficción, permitindo “construír espazos virtuais adaptados aos proxectos”, de tal xeito que o alumnado, por exemplo, podería “construír un xemelgo dixital das localizacións” das producións que desenvolven como traballos de fin de grao e “practicar no espazo virtual antes de ir á produción”, subliña García.
Ler a noticia completa no DUVI