A creación dunha obra teatral que permitise formar o público infantil na prevención do afogamento e na realización das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e unha instalación artística xurdida dunha investigación centrada na obtención de papeis e tintas a partir de plantas exóticas e invasoras. Estes son os dous proxectos recoñecidos cos IV Premios CREA-Creatividade e Innovación, cos que o proxecto de especialización Campus Crea busca distinguir investigacións, obras creativas ou proxectos innovadores de carácter interdisciplinar.
Impulsados co apoio da Deputación de Pontevedra, no marco das actividades da Semana da Creatividade, estes premios contaron cunha modalidade dirixida ao persoal docente e investigador e outra ao alumnado. Na primeira, o galardón, dotado con 1500 euros, foi para Desafógate, un proxecto coordinado polos investigadores Begoña Paz e Roberto Barcala, do grupo Remoss, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O galardón da segunda modalidade, dotado con 750 euros, foi para a instalación artística The in-between (o medio no medio), realizada por Antía Iglesias no marco da investigación que desenvolveu para a súa tese, no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible.